30/05/16

CORREMELIDE NAS ONDAS

Un dos proxectos que traballamos este curso en Reforzo de Competencias Básicas nas aulas de 1º de ESO foi o Corremelide, a carreira popular que celebramos o último venres de maio na que participan todos (ou case) os escolares de Melide. Este ano participaron tamén algúns estudantes do IES de Arzúa e. ademais, neste mesmo día o IES de Melide foi o anfitrión da X Olimpíada Tecnolóxica, na que participaron centros de secundaria de toda Galicia.
No curso de 1º A de ESO decidimos facer un programa de radio, Corremelide nas ondas, aproveitando a información e coñecementos que adquirimos nas áreas de ciencias sociais, educación física, bioloxía...
Este programa emitirase en Famelide, a radio do instituto no 90.5 FM ou na nosa web Falamelide. Velaí o resultado.

09/05/16

Camiño á escola

Moitas veces non reparamos en que vivimos nun mundo no que case todo é fácil e cómodo: comemos cando temos fame, se nos atopamos mal temos un centro médico cerca, as nosas casas son cómodas e confortables... Tampouco nos decatamos do fácil que é vir a escola e do importante que é poder acudir todos os días. Non somos conscientes de que pertencemos a esa pequena porcentaxe de privilexiados que temos cubertas as nosas necesidades primarias.
Para non perder o norte, esta semana imos ver na clase o fermoso documental Camino a la escuela, que nos conta o camiño que catro nenos de distintos puntos do planeta teñen que facer cada día para beneficiarse dun dos seus dereitos fundamentais, a educación. Despois faremos este pequeno cuestionario para obrigarnos a pensar un pouco.