28/10/13

EU VIVO EN...

O rio catasol
Zas de rei, unha parroquia de Melide con poucos habitantes. Hai bastantes árbores e montes, moito máis verde que asfalto. E hai bastantes animais polo monte. Todos os fins de semana vou traballar con meu pai para a aldea. Boto os becerros e despois boto as  vacas para o prado.No verán veñen moitos amigos e xogamos polo medio do monte e entre o millo.

22/10/13

Eu vivo en


Vivo nun piso en Melide, na zona do palacio de congresos, pero a rúa e a zona na que vivo non me gustan moito. Gústame moito máis o sitio no que paso os fins de semana. O que menos me gusta de Melide é vivir nun piso, a pesares de que o meu edificio ten un portal de pedra e o meu piso é bastante grande.
A min gústame vivir nunha casa como a da aldea, porque hai moito espazo, sempre hai algo que facer para entreterse e pódese ter animais. A miña casa está construída nunha finca. Cerca da miña aldea esta o pazo de Vilar de Ferreiros, tamén está o pantano de Porto de Mouros. Cando baixa o nivel da auga do pantano quedan á vista algunhas ruínas das aldeas que antes había, que foron deshabitadas e reconstruídas más arriba, porque a antiga aldea quedou asolagada polo pantano que se usa para obter enerxía eléctrica.

Adrián Couso, S2C


EU VIVO...

Eu vivo en Santa María de Melide, por onde pasa o Camiño de Santiago que vai dar a carreteira tamén Santiago. Por aquí pasan moitos peregrinos, aos que lles gusta moito o Cruceiro que temos no medio da rúa. Hai un señor encargado de abrir a igrexa para que a visiten os peregrinos a selar alí os seus papeis. Fóra da igrexa hai unha cuncha onde deixan as súas dedicatorias en recordo.
Aínda que teño amigos en Melide teño máis en Santa María.

Paula Barallobre Ayude 2ºC 


Cruceiro de Santa María de Melide
                        
Igrexia de Santa María de Melide

 

17/10/13

Eu vivo en ....

o mellor castiñeiro da aldea
Vilamor. Unha aldea do concello de Toques. Na miña aldea hai poucos rapaces. A casa onde vivo está onde a igrexa de Vilamor, tamén alí teño outra casa onde está o gando. Ao lado hai unha aldea que se chama O Souto onde adoito xogar con miña irmá e aí é tamén levo as miñas vacase e a miña besta. Alí hai un veciño un só. Na pista os rapaces facemos carreiras, no Souto entre dúas árbores fixemos un columpio. Hai dous meses construín unha casa nunha arbore, pero xa se desfixo. Unha aldea divertida porque ningén che  di nada.

15/10/13

Eu Son...


Eu son Noelia. Teño 13 anos e vivo en Toques na parroquia da Capela. Unha das cousas máis destacadas da Capela e a igrexa de San Antolín de Toques.

Vou en 2ºC, a nosa aula chámase O Bocelo, un monte situado en Toques, moi cerca de donde vivo eu. Para min, a clase que me tocou é encantadora, todos son boas persoas e divertidas. A miña casa é bastante grande, non e unha mansión, pero estase ben. Unha das partes que máis me gusta da miña casa e a miña habitación, porque podo estar sola o tempo que queira.

Non se me ocurre nada máis, espero que vos guste, moitos bicos, adeus.

Igrexa de San Antolín de Toques, A Capela.

 

 

EU SON

BALBINO. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña No verán ando descalzo. O pó quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha para espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañá, para ir co gando, restrebar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comeza. Sede, sol, moxardos. No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e lobos. Os brazos son coma espeteiras para encolgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sen tentos. ¡Qué saben desto os nenos da vila! Eles ignoran o que eu penso mentres boto ó corpo un gurrucho de caldo con broa. Ou o que sinto cando estou no monte pingando, aterecido, vendo por entre a chuvia un fantasma bretemoso en cada árbore. A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cans ouvean e a xente morre “cando está de Deus”, como di a madriña. Os rapaces somos tristes. Enredamos, corremos tras dos foguetes e ata rímos, pero somos tristes. Temos a pobreza e os trafegos da terra aniñados nos ollos.

Con estas palabras autodescríbese Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego, un dos libros máis lidos da literatura galega, novela de Xosé Neira Vilas.
Limos e analizamos este texto nas clases de 2º de reforzo e comprobamos como en moi poucas liñas o autor é quen non só de debuxarnos os trazos fundamentais do seu protagonista, senón tamén de describir o seu medio, o lugar onde vive Balbino e a súa relación con el. Non é necesario que Neiras Vilas nos dea datas ou lugares concretos, con este breve texto abóndanos para saber que se trata dunha aldea galega do interior, dos tempos da  miseria nos que a xente andaba descalza, comía o xusto e traballaba como animais para poder sobrevivir.
Nós nin podemos nin pretendemos imitar a Neira Vilas, pero si que tomamos este texto como modelo para tentar unha pequena descripción do lugar no que vivimos e que sentimos por el.