15/10/13

EU SON

BALBINO. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña No verán ando descalzo. O pó quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha para espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañá, para ir co gando, restrebar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comeza. Sede, sol, moxardos. No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e lobos. Os brazos son coma espeteiras para encolgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sen tentos. ¡Qué saben desto os nenos da vila! Eles ignoran o que eu penso mentres boto ó corpo un gurrucho de caldo con broa. Ou o que sinto cando estou no monte pingando, aterecido, vendo por entre a chuvia un fantasma bretemoso en cada árbore. A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cans ouvean e a xente morre “cando está de Deus”, como di a madriña. Os rapaces somos tristes. Enredamos, corremos tras dos foguetes e ata rímos, pero somos tristes. Temos a pobreza e os trafegos da terra aniñados nos ollos.

Con estas palabras autodescríbese Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego, un dos libros máis lidos da literatura galega, novela de Xosé Neira Vilas.
Limos e analizamos este texto nas clases de 2º de reforzo e comprobamos como en moi poucas liñas o autor é quen non só de debuxarnos os trazos fundamentais do seu protagonista, senón tamén de describir o seu medio, o lugar onde vive Balbino e a súa relación con el. Non é necesario que Neiras Vilas nos dea datas ou lugares concretos, con este breve texto abóndanos para saber que se trata dunha aldea galega do interior, dos tempos da  miseria nos que a xente andaba descalza, comía o xusto e traballaba como animais para poder sobrevivir.
Nós nin podemos nin pretendemos imitar a Neira Vilas, pero si que tomamos este texto como modelo para tentar unha pequena descripción do lugar no que vivimos e que sentimos por el.

2 comentarios:

  1. Respostas
    1. Os moxardos son os tabáns, esa especie de moscas que pican ás vacas e as persoas

      Eliminar