Amosando publicacións coa etiqueta conmemoracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta conmemoracións. Amosar todas as publicacións

02/12/21

CONMEMORAMOS O 25 DE NOVEMBRO FACENDO RADIO NA BIBLIO

O 25 de novembro conmemoramos do día da eliminación da violencia contra a muller. Entre outras moitas actividades que se fixeron no centro, o alumnado de Reforzo de 1º de ESO A tamén fixo unha pequena contribución. Velaí a Luis Mario Cracea, Nerea Rodríguez e Aldán de Arriba. Esedía faltounos Lalín Silva, que estaba enfermo, pero agardamos que poida partcipar no próximo programa.

Dentro das actividades de Radio na Biblio, gravou o programa: "Reforzando. 25 de novembro", para a nosa emisora Falamelide, que podedes escoitar aquí:

   

31/01/15

GRÚAS PARA O DÍA DA PAZ

Este ano, na liña do noso tema de traballo na biblioteca Homo Habilis, decidimos celebrar o día da paz facendo centos de grúas en papiroflexia. Na orixe desta actividade está nunha petición que fixo Sadako Sasaki (1943-1955), enferma de leucemia debido á radiación da bomba atómica, que pediu a paz e a curación para todas as vítimas inocentes da guerra aferrándose a unha antiga lenda xaponesa que dicía que quen fai mil grúas de papel ve cumpridos os seus desexos.
Na aula de reforzo buscamos outra lenda relacionada coas grúas no mundo clásico, as grúas que delataron aos asasinos do poeta grego Íbico, converténso así nun símbolo de xustiza. Este é o texto que redactamos e o mural que confecionamos na clase:
Íbico foi un poeta grego do século VI a. C, que compuxo principalmente poesía amorosa. Naceu no sur de Italia, pero pasou a maior parte da súa vida na illa grega de Samos, protexido polo tirano Polícrates. Viviu unha vida chea de aventuras e viaxes. Cóntase que estando unha vez na cidade grega de Corinto, o poeta foi mortalmente ferido por uns ladróns. Mentres xacía moribundo, viu un numeroso grupo de grúas que voaban sobre a súa cabeza e, impotente, invitounas a vingar a súa morte. Os ladróns, que eran de Corinto, logo de cometer o crime dirixíronse ao teatro a ver unha representación. Alí apareceron as grúas. Un dos ladróns, nun xesto de burla ao ver as aves, berrou: “Observade aos vingadores de Íbico!”, e así eles mesmos deron a pista para a súa detención polo crime cometido. A frase "AS GRÚAS DE ÍBICO" converteuse así nun proverbio entre os gregos polo descubrimento do crime a través da intervención divina, vendo a converterse este animal nun símbolo de xustiza e axuda aos desvalidos.


14/02/14

QUINCENA DOS NAMORADOS

A Candeloria celébrase o 2 de febreiro e nela os cregos bendicen as candeas que os fieis deben ter accesas durante a misa e que logo levan as casas para que os protexan nas treboadas. A Candeloria é tamén unha festa que celebra a proximidade da primavera, Pola Candeloria a metade do inverno vai fóra, e o tempo no que as aves se aparean, Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola, polo que en Galicia celebramos o día dos namorados. Outro día máis coñecido no mundo occidental como día dos namorados é o 14 de febreiro, día de S. Valentiño. Nas clases de reforzo aproveitamos o tema de traballo da biblioteca "Un ano de película" e escollimos e comentamos uns cantos bicos de película.