Amosando publicacións coa etiqueta libros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta libros. Amosar todas as publicacións

20/06/15

CORAZÓN DE CHOCOLATE, ROTEIRO EN COMPOSTELA

Despois de estar lendo Corazón de chocolate, un misterio para Tintimán en Compostela, de Jauréguizar durante o último trimestre nas clases de reforzo, por fin o xoves 11 de xuño fumos a Compostela a percorrer os lugares nos que se move Uxío Lobo, o noso protagonista, tratando de resolver un extraño caso en torno a catedral de Santiago. Escollemos esta lectura porque parte do alumnado de refozo, a pesares de vivir en pleno camiño de Santiago, non coñecía a Catedral de Santiago nin a Compostela monumental. O libro, ademais de describirnos lugares emblemáticos de Santiago, aporta moitos datos sobre a historia de Galicia, centrándose principalmente na construción da catedral.

No noso roteiro engadimos algún lugar a maiores, para poder coñecer mellor a zona vella compostelá. Axudados por unha pequena unidade didáctica comezamos na rúa de Xoán XXIII, onde se atoparía o instituto "Charles Lemaur" no edificio que hoxe é a Facultade de Ciencias da Educación. Subimos bordeando o San Martiño Pinario observando as súas fachadas, saímos pola rúa de Xerusalén, antiga xudería. Baixamos pola Acibechería até o Obradoiro, onde entramos no pazo de Xelmírez e repasamos quen fora este personaxe. Estudamos a fachada e a historia do Hostal dos Reis Católicos e dende alí divisamos a rúa das Hortas, onde estaría a casa chea de gatos do pai de Uxío, e que dende a morte deste Uxío debía coidar.
Vistamos o arquivo da catedral, cos permisos correspondentes e sen tentar facernos pasar polos sobriños de ninguén, como fixera Uxío na novela. Esta visita foi moi especial, vimos manuscritos do s. XV, libros moi grandes chamados tumbos, a copia facsímile do Códice Calixtino e a maior sopresa foi cando o noso guía nos abriu unha especie de mesa e descubrimos unhas escaleiras que baixaban ao arquivo musical, miúdos libros que había alí! Ao saír do arquivo catedralicio vimos con calma as Praterías e a praza da Quintana.
Despois veu a parte máis aventureira, tivemos que facer un percorrido sen profes seguindo as instruccións que viñan no noso cuestionario. Así, subindo pola rúa Xelmírez chegamos á praza de Cervantes, onde supostamente estaba o "Diario Galego", no que traballara Norberto Lobo, o pai de Uxío, ás ordes de don Anxo. Alí debíamos entrar na librería Couceiro e pedir o sobre secreto con novas instrucións. Co mapa que había no sobre poidemos chegar á praza de Mazarelos, pasando polo mercado de Abastos, e de alí continuamos até a Alameda para facer unha foto coas famosas Marías. O noso percorrido a soas remataba na praza do Toural, onde estaba a "Fábrica de chocolate" na que obteivemos a nosa "recompensa", que non podía ser outra que un corazón de chocolate.
Despois dun xeneroso descanso para xantar, collemos pola rúa do Vilar para visitar a Catedral. Primeiro vimos o interior do templo, comezando polo altar maior e as distintas capelas, entrando na Corticela e fixándonos as portas e reixas polas que Uxío podería entrar a ese soto subterráneo da catedral. Por desgraza non puidemos ver o Pórtico da Gloria, porque se está restaurando, pero vimos a Cripta do apóstolo, a porta Santa e até houbo que subiu a dárlle un abrazo a Santiago. Tamén comprobamos que na catedral hai realmente un soto, a excavación arqueolóxica na que se atoparon as catacumbas.
Xa para rematar a nosa xornada, subimos ás cubertas da catedral, tratando de descubrir o sitio por onde Uxío escalara para tentar coarse no arquivo. As vistas eran alucinantes e a nosa guía, Laura, explicounos de xeito moi ameno un montón de cousas sobre Santiago e a historia da catedral, moitas das cales xa viramos na clase. E con estas vistas de Santiago dende as alturas rematamos a nosa xornada que, aínda que para algúns foi moi cansa, serviunos para coñecer un pouco mellor Compostela e aprender moitas cousas da nosa historia que non sabiamos e decatarnos do rico que é o noso patrimonio cultural.

06/04/15

A ILLA DO TESOURO NA RADIO

Despois de moitas semanas de gravación, con vacacións e pontes polo medio, as rapazas e rapaces de reforzo de 2º B de ESO conseguiron rematar de gravar o programa nº 2 de Reforzando, unha adaptación radiofónica dos primeiros capítulos de A Illa do Tesouro de R. L. Stevenson.

Nela os cinco locutores tiveron que narrar e interpretar as voces de Jim Hawkins, á nai de Jim, ao doutor Livesey ao Fidalgo Trelawney, ao capitán Billy Bones e aos piratas Can Negro e cego Pew. Nesta primeira parte aínda non aparece en escena Jhon Silver, o pirata cunha soa perna que tanto teme o sinistro capitán Bones, sempre bébedo e ameazane na taberna do "Almirante Benbow".
O texto no que nos basemaos foi á versíon ao galego feita por Xavier alcalá e editada en Xerais. 

Velaí a nosa grabación. que tamén podes escoitar na nosa emisora Falamelide.

20/11/13

Eu vivo en...

A miña leira, que agora ten nabos
A Fraga e a miña parroquia é Vilamor, que pertence ao concello de Toques.
É un sitio con moita arboreda. Teño unha casa, unha cuadra, un galiñeiro, dous palleiros, unha eira, un hórreo e moitos prados.
A miña casa está moi afastada dos veciños mais cercanos.
A casa non é moi grande pero a min encántame. ¡Un lugar marabilloso!
Sandra Varela García, 2º Bde E.S.O

14/11/13

EU VIVO EN ....

O meu lugar favorito
Nunha aldea chamada Sobradelo, que pertence ao concello de Melide. Non é moi grande, pero gústame. As casas non estan moi afastadas unhas das outras. O meu lugar favorito cando estou triste ou necesito estar soa é a un prado no que hai unha pena ancha e alongada. Gústame ir alí porque pensas e falas soa, e o que mais me gusta é que te sentes libre, non hai ninguén que che diga isto está mal, isto está ben. Non
hai ninguén que te discrimine.
Nerea Loureio Gómez, S2B

15/10/13

EU SON

BALBINO. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña No verán ando descalzo. O pó quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha para espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañá, para ir co gando, restrebar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comeza. Sede, sol, moxardos. No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e lobos. Os brazos son coma espeteiras para encolgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sen tentos. ¡Qué saben desto os nenos da vila! Eles ignoran o que eu penso mentres boto ó corpo un gurrucho de caldo con broa. Ou o que sinto cando estou no monte pingando, aterecido, vendo por entre a chuvia un fantasma bretemoso en cada árbore. A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cans ouvean e a xente morre “cando está de Deus”, como di a madriña. Os rapaces somos tristes. Enredamos, corremos tras dos foguetes e ata rímos, pero somos tristes. Temos a pobreza e os trafegos da terra aniñados nos ollos.

Con estas palabras autodescríbese Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego, un dos libros máis lidos da literatura galega, novela de Xosé Neira Vilas.
Limos e analizamos este texto nas clases de 2º de reforzo e comprobamos como en moi poucas liñas o autor é quen non só de debuxarnos os trazos fundamentais do seu protagonista, senón tamén de describir o seu medio, o lugar onde vive Balbino e a súa relación con el. Non é necesario que Neiras Vilas nos dea datas ou lugares concretos, con este breve texto abóndanos para saber que se trata dunha aldea galega do interior, dos tempos da  miseria nos que a xente andaba descalza, comía o xusto e traballaba como animais para poder sobrevivir.
Nós nin podemos nin pretendemos imitar a Neira Vilas, pero si que tomamos este texto como modelo para tentar unha pequena descripción do lugar no que vivimos e que sentimos por el.

05/03/13

RESUMO A VOLTA AO MUNDO EN 80 DIAS

Na clase de reforzo de 1º  C  de ESO estivemos a facer un resumo da Volta ao mundo en 80 días, novela de Xulio Verne, que limos na clase de lingua galega. Entre todos fixemos a seguinte presentación.

22/02/13

Resumo da Ilíada


Na clase de reforzo de 2º B de ESO estivemos lendo o libro La Ilíada y la odisea , de Marcia Williams, editado en Acanto. Despois de lelo fixemos un resumo e unha presentación que agora vos mostramos.

18/02/13

APRENDENDO A RESUMIR

Unha das cousas que máis nos custa na clase de reforzo é resumir textos ou os libros que lemos. Presentamos aquí unha pequena axuda coas pautas para aprender a facer un resumo, expoñer unha lectura en público e incluso dar unha opinión persoal.

03/12/12

POR FIN NA RADIO!!


Despois de varias semanas de traballo, conseguimos grabar un programa de radio en Falamelide, a emisora do IES de Melide. Neste primeiro traballo, que se titula de xeito pouco orixinal "Reforzando",quixemos poñer nas ondas parte do que traballo que facemos na clase: ler,entender e escribir. Primeiro limos a coñecida fábula de Esopo A cigarra e a formiga nas versións do propio Esopo, en prosa e moi breve, e Samaniego, en verso e algo máis longa. Logo limos a historia Frederick, de Leo Lionni, editada en Kalandraka, e atopamos moitas semellanzas e algunha diferenza entre ámbalas dúas historias. Escribir o guión levounos algo de tempo, foi un traballo en equipo que fixemos en Google Drive, que moitos de nós usabamos por primeira vez. Despois veu a fase de gravación, non conseguimos arrancar até que David, o profe de música, botounos unha man e conseguimos entender o funcionamento de todos (ou case todos) os aparatos da radio. E despois veña a a grabar unha e outra vez, intentando non confundirnos, nin reirnos... E xa non vos explicamos máis porque é mellor que escoitedes o noso programa. (Que non será o último! agardamos...)