31/01/15

GRÚAS PARA O DÍA DA PAZ

Este ano, na liña do noso tema de traballo na biblioteca Homo Habilis, decidimos celebrar o día da paz facendo centos de grúas en papiroflexia. Na orixe desta actividade está nunha petición que fixo Sadako Sasaki (1943-1955), enferma de leucemia debido á radiación da bomba atómica, que pediu a paz e a curación para todas as vítimas inocentes da guerra aferrándose a unha antiga lenda xaponesa que dicía que quen fai mil grúas de papel ve cumpridos os seus desexos.
Na aula de reforzo buscamos outra lenda relacionada coas grúas no mundo clásico, as grúas que delataron aos asasinos do poeta grego Íbico, converténso así nun símbolo de xustiza. Este é o texto que redactamos e o mural que confecionamos na clase:
Íbico foi un poeta grego do século VI a. C, que compuxo principalmente poesía amorosa. Naceu no sur de Italia, pero pasou a maior parte da súa vida na illa grega de Samos, protexido polo tirano Polícrates. Viviu unha vida chea de aventuras e viaxes. Cóntase que estando unha vez na cidade grega de Corinto, o poeta foi mortalmente ferido por uns ladróns. Mentres xacía moribundo, viu un numeroso grupo de grúas que voaban sobre a súa cabeza e, impotente, invitounas a vingar a súa morte. Os ladróns, que eran de Corinto, logo de cometer o crime dirixíronse ao teatro a ver unha representación. Alí apareceron as grúas. Un dos ladróns, nun xesto de burla ao ver as aves, berrou: “Observade aos vingadores de Íbico!”, e así eles mesmos deron a pista para a súa detención polo crime cometido. A frase "AS GRÚAS DE ÍBICO" converteuse así nun proverbio entre os gregos polo descubrimento do crime a través da intervención divina, vendo a converterse este animal nun símbolo de xustiza e axuda aos desvalidos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario